Mudei de blogue

Pois si. Desde hai un par de semanas xa non escribo máis por estes lares. O certo é que, desde o último cambio/actualización nos blogues de Blogaliza, as opcións de deseño e interactuación disminuiron moito e, malia as case inexistentes visitas que teño, decidín mudarme á plataforma do Blogger. Así que xa sabedes, se algún/algunha se deixaba caer por aquí de cando en vez, poderedes atoparme en:

Ligazón ao novo ‘Ollo do corvo’

Nos manuscritos de ‘Caderno da Crítica’

Hoxe é un día moi especial. Despois de case dous anos de traballo neste mundo da escrita, teño o pracer de aparecer nun dos mellores blogues de crítica literaria. Ben é certo que xa me adicaran un espazo en ‘Kindlegarten’ e en ‘Los relatos de Patri’ onde contei cunhas fantásticas reseñas dos dous primeiros volumes d’As Crónicas e até tiven unha completa entrevista elaborada por Patricia Mariño e algúns reporteiros “espontáneos” que me formularon as máis variadas, interesantes e simpáticas preguntas mais, debo recoñecer, aparecer nun dos blogues que repasa a actualidade diaria da literatura galega actual é algo polo que devecía desde hai tempo. No 2013 xa fixera unha pequena e esporádica aparición na sección que Ramón Nicolás elabora, xunto con un grupo de librarías, para informar dos libros máis vendidos e aí upárase ‘A revolta dos mestres’ desde o quinto posta até acadar a primeira posición. Desta volta, Ramón deume a oportunidade de amosar as anotacións e esquemas que vou escribindo no meu pequeno bloc e que me axudan a preparar o traballo previo á escrita. Neste artigo poderedes atopar pequenos resumes, debuxos e diagramas de fluxo que definen a liña argumental dos capítulos que, posteriormente, transcribo no portátil.

Ligazón a ‘Caderno da Crítica’:
Manuscritos: Xosé Duncan

Preparando a inauguración do noso ‘hostal’

Ben, pois xa estamos a rematar o traballo previo á publicación da novela. Temos o texto revisado, as ilustracións interiores feitas e xa está o artistazo gráfico a preparar a montaxe fotográfica para a cuberta. Se todo vai como debe, para primeiros do vindeiro mes xa estará saíndo do prelo. Unha vez que a teñamos en soporte físico, daráselle vía libre para que chegue ás librarías e faremos dúas presentacións: a finais de Novembro na Libraría Suévia d’A Coruña e a primeira fin de semana de Decembro no Culturgal. Como sempre, a impaciencia dun pai fai que o tempo pase moi lento e non me dea chegado o día… Mentres tanto, aquí deixo unha páxina das notas que fun tomando antes de comezar a escribila. O esquema das plantas do hostal e os seus inquilinos. Xa queda pouco para a inauguración do ‘Hostal N\orte’.

bloc