Por que me chaman ‘O Solla’?

Entramos na taberna e, coma sempre, tres grupos de vellos xogaban ás cartas e ao dominó nas mesas de mármore dispostas en liña á dereita da porta. Camiñamos ata o final da barra, esquivando o minúsculo can de Fina por temor a pisalo, e pedimos catro copas de albariño ‘da casa’. Mentres Zalo e Susana falaban sobre a visita a Neixón e a sensación que lles causara ver o lugar onde, na ficción, vivirán as terribles aventuras con diaños do mar, nós xirámonos para confirmar se fóra seguía chovendo. Non nos valía de nada sabelo pero enganabámonos pensando en que, dese xeito, poderiamos calcular canto tempo habíamos de esperar na taberna a que escampase.

-”Que por que me chaman ‘O Solla’?” – a voz do vello fíxonos miralo e descubrimos que, a menos dun metro, estaba sentado na mesa ao noso carón. Tan calado e inmóbil permanecera que pasárasenos totalmente desapercibido.

-”E como me ían chamar?” – continuou o seu monólogo sen darnos tempo a preguntarlle ou, nin sequera, a interesarnos polo que nos dicía – “A cada un o teñen que chamar polo que fai, non? Claro que poderían chamarme ‘O Xouba’ ou ‘O Nécora’ pero eu non me adico a iso, hehehehehehe. Tamén ten a súa gracia, si, si que a ten. Porque eles pensan que eu só ando ás sollas.”

Doulle un grolo á cunca de barrantes e tragou o viño ruidosamente. Deixouna de novo na mesa e, instintivamente, pasou a manga da chaqueta polos beizos para secalos.

-”Aínda que ti, ti tamén es un Otero. O teu avó era Otero, non si?” – miroume fixamente, cravando o seu único ollo en min – “Eu son dos Otero, sabes? Claro que é normal, aquí coñecémonos todos pero non todos queren coñecer, non. Eu sei todo o que pasa, eu véxoos e escoito. E calo. Pero eles nin ven, hehehehehehe.”

Mireino e pensei, por primeira vez en trinta anos, no meu avó. Nos días compartidos cando el aínda vivía e eu era un cativo. Os recordos deberon de pintarse na miña cara porque el sorriu, sorriu e sinaloume cun dedo.

-”Si, si que o es. Es un Otero.” – colleu de novo a cunca de viño, baixou a cabeza e douse a volta, dándonos as costas.