Como pasa o tempo

Aínda que tamén podería chamalo “xa fai un ano de ver un soño feito realidade”. Si, porque esta semana comeza a Feira do Libro de A Coruña e foi nesa feira, xa fai un ano, cando nos achegamos a unha caseta atraidos por un estraño libro que amosaba unha enorme A rodeada pola silueta dunha mazá. Era o Ladrón de Soños do Mundo Secreto de Basilius Hoffman, que insólita contradición, non si? Pensar en que aquel gato encapuchado, que irrompía no dormitorio de Peter en plena noite, sería o causante de achegar os meus soños á miña vida.

Alí estivemos con Fernando, Tomás e Rita falando da súa obra e, conseguindo polo prezo do libro, agasallos das fantásticas ilustracións de Iván. Ademáis intercambiamos contacto e ameacei con enviarlles algo do que tiña escrito por casa para que valorasen se podería ser interesante ou publicable. E, para non variar, a miña ameaza foi convertida en realidade e non tardou moito antes de que tivesen no seu mail unha novela que escribira facía moitos anos.

Non chegou a bo porto o envío do texto pero Fernando comentou que tiña en mente un novo proxecto no que editarían, cada tres meses, unha compilación de relatos e que podería tentar de preparar algo e envialo para ver se tiña cabida. Dito e feito, antes do Nadal, xa lles enviara o “Ollo do Corvo” como proposta para o número 0 de “Contos Estraños”. Eran finais do 2.011.

Parece que foi onte e parece que pasaron anos dende aquel serán, así de caprichoso é o tempo na nosa mente. Tras o conto do Solla viñeron máis relatos, algúns publicados como “As bágoas de Neixón” e “Os últimos de Landeiras”, outros gardados no disco duro como “A criatura no millo” e “As oito patas do demo” e outros colgados na rede como “A avelíña azul”, “O fume da memoria” e “O último verán” no Certame de Verán de Redelibros. Houbo tamén colaboración co xornal “Novas da Galiza” neste número de Xullo co micro-relato “O Poço”.

Aparte de ese xénero tan mallado durante este ano, escribín dúas novelas curtas. “A nena de prata” está proposta para futuros números de “Contos Estraños” e relata a orixe do misterioso Solla e o seu corvo, “Vilanoite” narra a viaxe de Duncan (outro dos protagonistas) ao seu Purgatorio particular e senta as bases do que poderá ser nun futuro unha colección de relatos deste maldito e condenado investigador do paranormal.

Ás veces as cousas evolucionan, ou cando menos medran, e tras todo isto apareceu na miña mente a primeira novela chamada “A revolta dos Mestres” e que é o primeiro tomo da serie “As Crónicas de Bran”. Foi un traballo duro e, despois de catro meses, quedou rematada. Ou case porque agora estamos traballando en ler, reler, revisar, reescribir e, dentro de non moito, no deseño das ilustracións para darlle forma a unha obra que, se todo vai ben, podería ver a luz o vindeiro ano.

Parece incrible como pasa o tempo e cantas cousas pasan en tan pouco tempo.