Estou na lavadora…

A primeira vez que tiven constancia da existencia deste blogue non puiden deixar de lembrar a famosa canción dos “Caimán do río Tea” que tanto enganchaba có seu rock estilo “Tequila”…

Estou na lavadora – YouTube

Agora ben, debaixo dese nome tan rockeiro, están dúas mozas que fan da súa paixón un traballo realmente ben feito e non deixan de procurar novas e material sobre todo o que teña que ver coa arte en galego.

Aquí vos deixo o enlace ao seu blogue no que, ademais, tiven a enorme sorte de colaborar hoxe con un dos meus relatos: “A criatura no millo”.

“A criatura no millo” en ‘As nosas entrañas precisan falar…e eles tremen ao ouvilo!’

Non lles perdades a pista, paga moito a pena.

As bágoas de Neixón (3/3)

Este relato foi publicado no número 1 de “Contos Estraños”

Susana sinalou a moto que estaba esmagada no fondo do precipicio. Nas rodas cheas de ferruxe os mexillóns e os caramuxos medraban en cantidade. O chasis e o motor eran de cor marrón polo perpetuo ataque da auga do mar, e as lapas cubrían na súa totalidade as aletas de refrixeración. O depósito de combustible da Triumph apenas era visible, cuberto polas algas resecas que o ancoraban á costa e polas ramas das árbores arrastradas pola marea.

-”Non. Non pode ser.” – Susana fregou a terra do chan coa súa bota e borrou as recentes marcas de neumático. – “Isto aínda bota fume. E viches como está iso?”.

-”Ti víchelo?” – repetiulle a pregunta sinalando o acantilado- “Esa moto leva aí anos. Non pode ser a que fixo estas marcas.”

Zalo ía responder que non sabía, que non tiña nin idea de canto tempo tarda en encherse de merda unha moto pero, xusto cando comezaba a falar, a súa mente detívose en seco. Dende a parte baixa do monte, subindo dende a costa, unha voz de muller cantaba a súa nana ao mar. A Susana non lle dou nin tempo a falar, en menos dun segundo xa estaba soa mirando os restos da moto e, meneando a cabeza, botou correr de novo tras el.

Chegaron á praia esperando atopar á moza sentada nas rochas pero a marea, animada pola lúa chea, estaba tan alta que engulira toda a superficie da cala e batía con forza contra a base dos piñeiros que medraban na beira do bosque. Entre as sombras das árbores, correndo arriba e abaixo cos pés descalzos para esquivar as ondas que lambian as raíces, o pequeno Pablo sacaba diminutos peixes da ría. Fixáronse ben e viron como, entre os delgados dedos, unha membrana unía as extremidades en forma de palma. O neno continuaba coa súa pesca, alleo aos que o observaban, cando unha melodía lle chegou dende o castro. Por riba do golpear das ondas contra as gamelas e os troncos, a voz de Mar o chamaba. Obedecendo á súa irmá maior, mergullouse no mar e nadou coma un golfiño, impulsado polo seu corpo palmípede. Os dous mozos vírono bordear o litoral e perdérono cando chegou ao pico da costa.

“Lúa, Lúa, luz da miña querida nai
que te ergues e marcas de prata o mar

Lúa, lúa, ao caer e morrer onde vas?
tan lonxe que non te poda ver máis

Lúa, lúa, regálame o teu mirar
pinta de prata a árbore do meu pai”

A voz soaba agora máis grave, cun timbre que non tiña nada de humano e, moito menos, que ver coa doce voz de Mar que escoitaran pola tarde. A claridade encheu todo o bosque. A lúa medrara de tal forma no firmamento nocturno que semellaba que se puidese tocar coa man.

Zalo e Susana entraron no poboado castrexo seguindo o eco da melodía que aínda perduraba no aire como o son dunha campá. No centro, ao carón do piñeiro, os dous irmáns abrazábanse e xuntaban as súas frontes. Mar separouse uns centímetros do pequeno e alzou os brazos ao ceo. En resposta ao seu xesto, unha choiva de estrelas derramouse sobre eles impactando no centro das dúas vivendas de pedra e nos outros seis lugares de terra escura espallados polo castro. Unha néboa prateada manou do interior das oito marcas, fervendo dende o chan coma as fuxeiras da Santa Compaña. Os fíos de fume foron tomando corpo e moldearon as figuras dos encapuchados que se materializaron, emerxendo da nada, no medio dos círculos.

-”Benvidos, gardiáns do meu pai!” – o rostro da moza resultaba aínda máis escuro bañado no brillo de prata da enorme lúa. – “Polas Leis dos Mortos estades comprometidos a prestarme os vosos servizos! Polo poder do meu pai, mostrade as vosas runas!”

Os espectros sacaron cadanseu pergamiño de debaixo das súas capas. O aspecto dos vellos papiros era moi similar ao que Susana fotografara no museo pero, os textos que pintaban as rotas follas, convertíanse en iconas en forma de insectos. Os oito á vez elevaron os seus símbolos, ofrendándoo á lúa, e o son de milleiros de insectos voando encheu a noite. O ruído fíxose tan forte que Zalo tivo que taparse os oídos e botouse ao chan.

-”Zalo! Estás ben?” – berrou Susana – “Isto non é real, vamos, levanta!!!. Ten que ser unha alucinación!!!!” – A pesares do que ela mesma queríase convencer, a súa voz tremía de medo temendo a aparición do fervedoiro de bichos. Colleu ó mozo por debaixo dos brazos e axudouno a poñerse en pé.

A vibración gañaba forza e, ao unísono co estrondoso ruído, as figuras de fume estiráronse ata medrar máis de seis metros de altura. Todas se elevaron por riba do piñeiro e formaron un arco luminoso sobre as súas cabezas. Os dous mozos retrocederon uns pasos e agarráronse as mans sen poder separar a vista das columnas. A terra das oito bases, que serviran de porta de entrada aos mortos, convertíanse en fervenzas das que brotaba auga de mar, expulsada con forza dende o chan. A medida que o líquido salgado bañaba os lumes fatuos, estes transformáronse en oito tentáculos xigantescos. As monstruosas extremidades axitáronse violentamente, arrasando todo o que atopaban no seu camiño. Susana tentou chegar ao camiño, que saía do castro e conducía ao monte, pero unha ventosa golpeou o chan diante dela e lanzou unha morea de pedras obrigándoa a volver atrás.

-”Agora, Pai, agora chegou o momento da túa ofrenda. Hoxe coma sempre dende fai máis de mil anos!!!! Ven a nós, ven aos teus fillos!!!” – a súplica de Mar provocou que os oito brazos se enroscaran ao redor do piñeiro e extirpasen a árbore da terra. A auga do mar, ocupou o lugar que antes enchían as raíces centenarias e formaron un pozo. Os dous irmáns colocáronse fronte a fronte, agarrados das mans, formando un círculo e deixando entre eles o novo orificio creado no chan. Mar xirou a cabeza cara a Zalo e, sen deixar de miralo, empurrou ao pequeno Pablo dentro do líquido salvaxe que batía no interior do oco.

Nunha acción instintiva, Zalo lanzouse cara ao burato polo que se acababa de colar o neno. Deitouse no chan e meteu a cabeza no interior para tentar de ver algo na escuridade das augas. Restos de argazos e anacos rachados de madeira danzaban en remuíños formando un escudo que facía imposible distinguir nada dentro do maldito furado. De súpeto, o delgado brazo do cativo emerxeu de entre as algas. Zalo estirou o seu para agarralo pero, antes de que fose capaz de tocarlle sequera a man, o rapaz volveuse ir para o fondo.

-”Pablo!!, Pablo!!. Veña, outra vez, veña que te collo!!!! “ – Meteu o brazo ata o cóbado removendo o que atopaba ao seu paso, agarrando e soltando ramas que confundía co neno. Unha vez máis, sen case esperalo, a man do pequeno volveu saír do pozo. Desta vez, Zalo non fallou e aferrouno con forza.

-”Xa está!!! Xa te teño!!! Susana mira!!! Collino!!!”.

Susana mirábao con alivio, sen entender o porqué de todo aquilo, pero contenta de que o seu compañeiro conseguira atrapar ao rapaz.

Cando Zalo tirou do brazo para sacalo da auga notou que algo o aprisionaba e impedíalle facerse con Pablo. Nos dedos do rapaz fervían pequenas ventosas que se pegaban na pel do mozo ata case perforala. Zalo apoiou as botas na beira do pozo e turrou con todas as súas forzas tratando de sacalo fora. Susana correu ata o seu compañeiro e trincouno da cintura cos dous brazos.

-”Non te vou soltar!!! Non te soltarei, tranquilo!!!”- Berrou a moza. Logo inclinouse á esquerda, tratando de caer ao chan para ofrecer maior resistencia co peso do seu propio corpo. Pero, antes de que chegase a tocar terra, un tentáculo agarrouna por unha perna e chimpouna ao mar con inconcibible violencia.

-”Susanaaaaa!!!!!!” – Zalo forcexaba co rapaz que se convertera no seu raptor e, canto máis empeño poñía, máis se fería o brazo con aquelas pegañentas ventosas. A dor estaba a revolverlle o estómago e comezaba a marearse.

-”Non podes facer nada. Non podes liberarte do meu Pai”- Mar apareceu en pé sobre el, cos seus fermosos ollos verdes mirándoo coa frialdade da prata.

-”Pai?” – Zalo non foi capaz de aguantar máis e co seguinte tirón, caeu no pozo cara as profundidades da ría arrastrado pola forza do neno-monstro.

* * *

O sol da alborada tinxía da cor do lume a frialdade do mar. A marea estaba baixa e, a pouca profundidade da ría, permitía quentar as súas augas. Os oídos doíanlle e aínda escoitaba o goteo do mar no seu interior. Tiña algo que se lle cravaba nas costelas e, ata que non espertou de todo e foi quen de incorporarse, non se dou levantado das madeiras da gamela. Abriu os ollos e mirou ao ceo. A luz da mañá bañoulle a cara e a sombra negra dun corvo pasou rachando o azul celeste, camiño á carballeira que bordeaba o peirao do porto.

Sentouse, apoiou os brazos nos xeonllos e afundiu a cabeza entre eles. Non foi capaz de aguantar así nin un minuto pois co vaivén da gamela, estivo a piques de vomitar. Levantou a mirada e intentouna fixar no vello que tiña fronte a ela. As engurras gravábanse na cara do home ata case perderse no seu interior e, coma unha mancha negra sobre a súa pel rosada, o vello parche de coiro tapaba o oco que antes habitara un dos seus ollos.

-”Vaia, xa espertastes. Como te chamas, rapaza?” – O Solla remaba con moita parsimonia mentres miraba como o corvo se pousaba na torre do campanario.

-”Susana, chámome Susana. Onde estou? e… quen é vostede?” – refregou a fronte coa palma da man para espantar á friaxe que lle perforaba a sen.

-”Pois agora estás na miña barca, e fai un anaco estabas flotando no medio da ría. Eu son…. digamos, máis ben, que me chaman “O Solla” e, como podes ver, é debido ao xénero co que traballo. – soltou un dos remos e sinaloulle á moza as formas planas dos peixes que ocupaban o chan da barca – “Anda dime, de onde demo saístes? “

-”Na ría? Polo Amor de Deus!!!!!” – todas as imaxes da noite anterior entraron ao galope na súa mente – “Zalo!!!! Onde está o meu compañeiro?, Zalo!! “ – fixo amago de erguerse pero a piques estivo de envorcar a gamela.

-”Nena, para quieta!!! ou queres que acabemos todos no fondo?” – O Solla cravou o seu único ollo sobre a rapaza – “Non había ninguén contigo, estabas completamente soa. Xa me parece estraño dabondo que unha persoa brote do medio do mar como para atopar dúas…..”

“Soa…” – Susana fregouse as pernas para entrar en calor e tentou de facer memoria de todo o que lle pasara. Recoñeceu o Monte do Castro Barbudo que se elevaba fronte a ela. Volveu a vista atrás, cara a Neixón e alá, no medio da península, o piñeiro centenario deixaba que o vento xogase coas súas ramas. Non, non podía ter sido un soño. A bruxa, o monstro, Zalo….. non foi capaz de soportalo máis e rompeu a chorar.

-”Veña, rapaza, veña” – O Solla deixara os remos e agachouse a menos dun metro de Susana. Con unha das botas pisou, sen querer, unha das nasas que levaba. Un queixume, case humano, saíu do interior do cesto mentres a pequena criatura agochaba os seus tentáculos lonxe do alcance do vello.

– “Non te poñas así.” – tentou de calmar á moza – “Pódoche asegurar que todo se vai arranxar.”

-”Non, non é posible. Non o entende… non pode ser real. Nada está ben, nada” – continuaba bagoando e sorbendo a moqueira que lle brotaba do nariz.

O Solla ofreceulle un pano para que se limpara e quedouse ficando para ela. Sen pensalo, meteu a man no peto do pantalón e comezou a darlle voltas á pequena bolsa de coiro negro. O vello apalpou o contido do saquiño e alarmouse cando veu que a rapaza se refregaba con forza a cara para secarse. Agarroulle o brazo con suavidade para que se detivese.

-”Amodo, muller, amodo. Non ves que vas irritar eses ollos tan fermosos?. Si, son realmente fermosos. Negros coma a noite.” – cunha rapidez nada propia da súa idade, o vello abalanzouse sobre a moza á vez que sacaba un coitelo do seu abrigo e, sen que ela o esperase, cortoulle o pescozo.

O grito de Susana asustou ao corvo que, deixando o seu descanso na torre, voou sen dirección ata o medio da ría. Unha vez recuperada a compostura, a ave cambiou a súa traxectoria e deixouse caer ata o borde da gamela. Choutou con torpes saltiños ata que quedou ao carón do vello.

-”Déixame algo de sitio, oh. Non ves que aínda me vou mancar?” – O Solla fundía con moito coidado o coitelo. Non era a primeira vez que estragaba un ollo xirando o fío antes de tempo. Cando notou que a punta xa se movía con liberdade no interior do cranio, baixou a empuñadura e o globo ocular saíu limpamente da cara de Susana.

Colleuno delicadamente polos nervios que pendían del e, coma se fose unha bolsa de té, mollouno na auga para deixalo impecable sen resto de sangue. Tivo que separar por última vez ao corvo que tentaba de roubarlle o trofeo e, protexéndoo co brazo esquerdo, meteuno dentro da bolsa de coiro.

-”Ah, é boa verdade. Nunca sabes que has pescar cando te botas ao mar.” – guindou o corpo da moza pola borda e separouna da barca, empurrándoa con un dos remos – “Veña, Bran, imos. Aínda queda moito que facer antes da hora de comer.”

O Solla remou con forza, separando a gamela da entrada do peirao do porto e buscando terra nunha das calas ocultas entre os piñeiros.

As bágoas de Neixón (2/3)

Este relato foi publicado no número 1 de “Contos Estraños”

-”Ei Mar. Dille ao parvo do teu irmanciño que non ande descalzo por aí. Pódeo pisar algún coche ou algunha moto.” – O rapaz levantou o frontal do casco modular e mirouna fixamente, ignorando completamente aos demais.

-”Oe ti!!” – espetoulle Zalo – “Estás tolo ou que! Non creo que podas andar así con esa moto por aquí. Sabes que isto é un área protexida?”

O motorista mirouno de esguello e, sen dirixirlle palabra, botoulle un sorriso ao pequeno antes de pechar o casco e saír, levantando unha nube de po, camiño arriba.

-”Témonos que ir. Imos Pablo, non podemos chegar tarde.” – Colleu ao neno da man e saíron da cala para tomar o camiño que subía polo monte.

-”Xa marchades?” – preguntou Zalo.

Sen dar resposta, os dous irmáns perdéronse entre a foresta. Susana tirou tamén a andar cara ao castro e, ao pasar ao seu carón, lle cravou o cóbado nas costelas.

-”Así que ‘isto é un área protexida’?. Estás feito todo un súper heroe, nin Batman ameazando ao Joker. Veña, tira, que temos traballo que facer antes de que se vaia a luz.”

Zalo baixou a vista e aspirou fondo para encher os pulmóns, e afastar a nada que lle pesaba no peito. Seguindo á súa compañeira, chegaron ata o Castro Pequeno e suspirou aliviado cando a viu absorta no estudo dos círculos de pedra. El mirou ao seu arredor e chamoulle a atención o único piñeiro que se erguía no medio da península. Á súa esquerda víase o peirao do Porto de Taragoña, na fronte perfilábase Rianxo entrando no corazón da ría e na dereita, tras Bico de Mar, a lagoa de Carragueiros ocultaba o outro poboado castrense de Cabo da Cruz. Camiñou ata quedar baixo as ramas e pechou os ollos. Non se decatara antes pero unha brisa, suave e constante, arrastraba dende o mar un amargo olor a algas. Case inaudible, o rumor das ondas repetía na súa mente a nana que antes oíra cantar a Mar.

-”Ei, que! Estás apapaostiado ou que!” – Susana estaba tirando a cinta métrica dende un extremo da primeira vivenda ata o límite norte. – “Supoño que me botarás unha man non? Ou vas consagrar o teu amor a ese piñeiro?”

Custoulle algo de esforzo pero conseguiu centrarse no traballo. Pasaron o resto da tarde medindo, tomando fotos e anotando cada pequeno detalle. Non atoparon ningún tipo de petroglifo, nin gravados nas pedras pero, a diferencia do Castro Grande, os restos das dúas vivendas estaban limpos e ben definidos. Case ao caer a noite, Susana empezou a rosmar algo sobre que non lle daban as contas e que, a pesares de estar rexistradas en tódolos catálogos dese xeito, os círculos de rocha non reunían as condicións típicas das casas. Zalo suxeriulle algo sobre que a cor da terra, onde emerxían os círculos, era moito máis escura que a do resto da península e que, se prestaban atención, había seis zonas máis que mostraban esa particularidade. Ela contestou cun neutro “ahá…” e seguiu co seu.

A noite tragouse os débiles restos de luz tan pronto como o sol caeu tras a serra do Barbanza. Cun lánguido “teremos que seguir mañá”, Susana recolleu o seu equipo e botou as bolsas ao lombo. Zalo rematou por recoller todo o demais e tiraron monte a través para chegar, o antes posible, ao hotel rural onde reservaran habitacións. O día se lles fixera moi duro e as pernas queixábanselles a cada paso que daban.

-”Uff.. “ – resoplou ela – “Unha hora máis e tería que me quedar a durmir alí. Non sería capaz nin de chegar ao hotel.”

-”Bah muller, malo sería, non?. Non está moi lonxe e sempre sería mellor que durmir ao raso.” – o espírito aventureiro de Zalo era mínimo tirando a nulo.

-”Pois para estar xa en Novembro aínda está moi claro e despexado o ceo. Fíxate que marabilla sen a contaminación da luz artificial. Vénse perfectamente as estrelas, e iso que a lúa está tremenda. Nunca me imaxinara que podería verse tan grande e dar tanta luz.” -Ela mirouno para adiviñar algún sinal, non lle parecía romántica a situación? Tampouco lle podía pedir milagres, levaban tres anos colaborando nos traballos da facultade e nunca lle vira interese nin por ela nin por outra moza. Aínda que hoxe se comportara coma un parvo coa morena da praia.

A luz dunha bombilla, colgada por riba do letreiro, doulles a benvida ao seu destino. Dada a época do ano e a falta de turistas, non tardaron máis de quince minutos en arranxar todo o tema do rexistro e, sen perder máis tempo que para darse unha ducha, coincidiron antes das nove na sala de estar da planta baixa. Sentáronse na mesa máis próxima á lareira e, coa calor do lume e das copas de barrantes, non pasou moito tempo antes de que os corpos e as mentes deixaran atrás o frío da xornada.

-”Que tal estades? Todo ben?” – preguntoulles a Señora Preciosa deixando sobre a mesa unha bandexa de chourizo e queixo. – “Estou moi liada preparando a comida de mañá. Se non vos importa tomar esta pouca cousa para cear….”

Os dous mozos miraron os seis chourizos e a cuña de medio kilo de queixo curado, e a tranquilizaron dicíndolle que eles non comían demasiado e que iso sería máis que suficiente. A vella escusouse, repetindo que tiña que botar a ferver a carne, e que non deixaran de pedirlle calquera cousa que precisasen. Charlaron animadamente, como facía moito que non tiñan ocasión, beberon viño e comeron case toda a bandexa. Repasaron a todos os seus compañeiros, profesores e coñecidos de Santiago. Falaron dos seus plans de futuro, dos seus soños e, cando ela estaba a piques de falar da amizade e o amor, unha pota de café apareceu no medio da mesa.

-”Vaia sorpresa!” – Zalo púxose teso coma unha vara – “E ti aquí?”

Mar comezou a recoller as copas de viño e os panos manchados do vermellón dos chourizos. Dou a volta por detrás del e, rozando a súa cara coa melena, retiroulle os cubertos.

-”Aquí? Eu vivo aquí. Non sabía que estabades na nosa casa.”

-”Pois muller, onde íamos estar? Non hai outro sitio en cinco quilómetros ao redor.” – Susana estaba moi enfadada pola interrupción. – “Así que ti es a filla da Señora Preciosa. Non é moi maior para ser a túa nai?”

-”A miña nai traballa e traballou moito toda a súa vida. Nunca tivo un respiro e iso pásalle factura.” – apurou a rematar o seu encargo e saíu a toda presa para a cociña.

-”Estou moi cansa. Voume para a cama.”

-”Non vas tomar o café?.” – a Zalo apetecíalle quedarse un pouco máis, para ver se Mar volvía, pero dáballe vergonza quedar só. – “Veña, tomamos unha taciña e xa subimos.”

-”Non. En serio. Estou que non me teño en pé e mañá hai que traballar moito. Boas noites.” – dubidou se darlle un bico pero decidiu non facer máis o ridículo por hoxe.

Esperou vinte minutos máis, tomou tres cafés pero ela non volveu a aparecer. Mirou a hora e os ollos pechábanselle. As once e media, por hoxe xa era dabondo. Ergueuse, colocou a cadeira pegada á mesa e subiu as escaleiras ata o primeiro andar onde estaban os aloxamentos dos hóspedes.

Deitouse e dou mil e unha voltas na cama. Non podía durmir, non sabía se por culpa do café ou porque era incapaz de quitarse á moza da cabeza. Ao ter fundida a cabeza na almofada pensou que o soñara pero, ao separar a orella da cama, douse de conta de que alguén falaba no corredor. Ao principio semellaba unha conversa pero os tons das voces gañaban intensidade, e xa parecía máis unha discusión que outra cousa.

Zalo saíu da cama e pegou a cara á porta de madeira do seu cuarto. Dúas mulleres estaban fóra e, por como chegaba o son, no descanso case chegando á planta baixa. Nun momento dado case se converteu en gritos pero, antes de chegar a ese extremo, o ruído coma dun corpo caendo escaleiras abaixo dou por finalizado o asunto. Abriu a porta e saíu do cuarto. Baixou e atopouse no chan o corpo sen vida da Señora Preciosa co pescozo partido pola caída. Viu que a porta principal estaba aberta e pensou, por un segundo, saír en busca de Mar. Estaba convencido de que era ela con quen estaba discutindo a vella. Antes de botar a correr no medio da noite, mirouse aos pés e decidiu que non era boa idea facelo descalzo. Subiu de novo ata o seu cuarto, vestiuse unha chaqueta e púxose as botas. Volvía a botar a correr cando, co barullo que montaba co calzado nas madeiras do chan, Susana saíu do seu dormitorio.

-”Pero que fas?. Non vas deixar que durma ninguén nesta casa! E que fas en pixama, coa chaqueta e as botas postas?”

-”Non cho podo explicar agora pero a Señora Preciosa está morta escaleiras abaixo e Mar fuxiu ao monte. Non sei se estará en perigo. Teño que ir ver!” – e sen dar máis explicacións, seguiu coa súa carreira.

-”Que tes que ir ver? Ti?- Meteuse no cuarto e calzouse e vestiu un abrigo o máis rápido que puido. Pensando quen era máis tolo, el ou ela por facerlle caso.

A lúa brillaba de tal xeito que en todo o bosque parecía de día. Case era coma unha mañá de inverno en branco e negro. As cores non existían tan nítidamente e as sombras eran máis longas. Os movementos das aves nocturnas facíanse máis lentos ao ollo humano e todo parecía envolto nun halo de prata. Seguían a corredoira que colleran á mañá e, aínda que ela non estaba convencida, o mozo apuraba o paso cara á cala que lambía o costado dereito do castro.

Unhas marcas de neumáticos chamaron a súa atención. As liñas cruzaban o camiño de dereita a esquerda e, ao seguilas coa vista, viron unha touxeira fendida polo medio que sinalaba a traxectoria do vehículo e que desembocaba directamente no acantilado. Acercáronse ata o terraplén onde desaparecían as pegadas das rodas. Alá abaixo a dúcias de metros, nas rochas da praia, atoparon o que fixera todo o estrago… ou non.