Chega o fin deste ano..

e agardemos que só sexa o fin do ano e non do mundo… Mais en previsión de que o mundo siga funcionando, hai que mover novos proxectos e manterse vivo (en canto ao tema letras claro). Xa fan tres meses dende a miña última colaboración pública (daquela fora coas rapazas de “Estou na lavadora”) e algo máis si que fixen.

Dende aquela enviei un microtexto ao Museo de la Palabra (nese estraño certame de ámbito mundial e case galáctico), outro para o primeiro certame de Relatos Curtos dos grupos locais de Galiza de Amnistía Internacional e ata me atrevín a enviar un relato ao Anxel Fole deste ano (vivan os certames que admiten as obras en soporte dixital!!!). Ademais disto, teño a enorme sorte de colaborar de novo con Contos Estraños no número especial de Nadal (que se presentará no Culturgal o Sábado 1 de Decembro ás 18.00 horas) e tamén fixen chegar outro relato curto e terrorífico á convocatoria de “Calabazas en el Trastero” para tentar de que entre na publicación do seu especial “Creaturas”.

Agás das presuncións a premios e publicacións, estou tamén inmerso en dous emocionantes proxectos que teñen en común o estar realizados por un grupo de compañeiros nesta arte de contar historias desacougantes e macabras. Un é o de “Sombras no berce” que será un pdf para descargar de balde composto de once relatos doces, amargos e cheos de sombras e tebras sobre a nenez. Do outro só direi que é unha colección de contos terroríficos que está levando a miña compañeira Maruxa (Never drink wine…) e que ten unha pinta caralluda.

Aínda que, en realidade, este final de ano está sendo marcado polo traballo duro e marabilloso de preparar o apartado gráfico do primeiro tomo das Crónicas de Bran que está debuxando o meu amigo Kaiser Wilhelm e que, paixón de pai, está quedando realmente espectacular.

Pois si, o fin de ano está cheo de mil soños pero, como case sempre, non se farán realidade até o vindeiro (no mellor dos casos) así que máis nos vale que non sexa a fin do mundo coñecido e que o 2.013 luza fachendoso esa fantástica cifra polo menos durante 365 días…