Tomando aire…antes de botar a correr.

Pois si…despois de case un ano dende que o rematei, este Xoves 7 de Marzo presentaremos o primeiro libro de “As Crónicas de Bran”. Será no Joana’s Place (c/Pondal, nº 4 – A Coruña) ás 21:00 horas e o certo é que un non pode evitar que os nervios lle chanten na gorxa. É obvio que, nin para ben nin para mal, dita presentación non terá moito que ver co resultado das ventas do libro e que, se continuamos na liña habitual, non haberá máis de vinte persoas (con sorte). Pero unha cousa non quita a outra e o deste Xoves será unha celebración (ademais do meu cumple), será a celebración de acadar algo que está moi complicado nos tempos que corren, que lle publiquen a un a súa novela. Moitas cousas virán logo desa noite, algunhas boas, outras malas, unhas desexadas e pode que algunhas das temidas. Mais, coma sempre, o tempo acabará colocando cada unha delas no seu lugar e para o vindeiro ano non serán máis ca un recordo. Iso si, pase o que pase, a felicidade que se debuxará (levemente que non hai que facer costume) na miña faciana cando sosteña nas mans o preciado volume, será intensa e verdadeira. E o latido, que se conxelará no meu peito durante un segundo, será dos máis intensos que teña gozado nos últimos anos.