Unha pausa…para gozar do momento.

O corvo apareceu na miña vida, e logo no meu brazo, xa fai case tres anos. Durante ese tempo pasáronme milleiros de cousas (algunhas malas, outras boas) e cumpríuse o feito polo que fixen deste paxaro o meu tótem. Renacín e, o máis difícil, reinventeime. Mais, desta volta, o meu parto foi ben doado e sen case esforzo (comentario totalmente de balde xa que, obviamente, non lembro o meu primeiro parto nin tampouco lle preguntei á miña nai por el).

Se algo hei destacar desta reencarnación que me resultara sorprendente, foi esta aventura das letras, esta vertixe de historias escritas que che atrapan coma un tornado e érguente ós ceos nunha absoluta perda de control. E, dentro deste descontrol, a infinita sorte de poder contar cunha canle de desenrolar, dar forma e pór nas librarías esta morea de tolos, fantásticos e, ás veces, máxicos contos que bulían no meu maxín.

Estamos a promocionar a primeira parte da historia de Bran. Contamos cun equipo de xente que adora o seu traballo, que aman a literatura e cun entusiasmo que se contaxia e non deixa indiferente a ninguén. Co seu apoio estamos a deixar a pel por todos os currunchos nos que nos queiran e nos que nos deixen contar a nosa historia e, o certo, é que é un gustazo. Aínda quedan moitos lugares por percorrer e nos que asomar a escura testa do corvo e xa estamos coa revisión do segundo volume. Na súa primeira escrita é lixeiramente máis extenso que o primeiro e toma un matiz máis intimista tanto no seu contido como no tratamento das personaxes que adquiren máis profundidade e personalidade. Á par do traballo de revisión, estamos xa a darlle duro ao apartado gráfico (que nesta ocasión correrá a cargo dun marabilloso artista que xa colaborou comigo en Contos Estraños) e xa rematei as liñas xerais do argumento do terceiro e último capítulo desta triloxía.

Para que se queren pausas cando un ten a sorte de mostrarlle ao mundo o que lle gusta facer…