One lovely blog award

Este blogue de meu, o persoal, ven de ser nomeado para este curioso, sentimental e virtual galardón que tenta premiar simbolicamente a eses blogues que consultamos diariamente, dun xeito egoísta, para acadar informacións, opinións, cultura, ideas ou, cando menos, visións diferentes e enriquecedoras que enchan con algo especial os nosos paseos pola web.

Este premio é un recoñecemento que se fai entre blogueiros e está especialmente pensado para facer máis visibles os blogues e axudalos a acadar un pouco máis de popularidade. Así que, cando un blogue é nomeado, o autor deberá facer o seguinte:

-Nomear e agradecer o premio á persoa/blogue que lle concedeu a mención.

-Facerse seguidor, dalgunha maneira, do blogue.

-Responder ás 11 preguntas que se lle fai.

-Conceder o premio a 11 blogues que lle gusten, acaben de comezar, que teñan poucos seguidores…

-Facer 11 novas preguntas aos que premie.

-Informar do premio a cada un deses blogues.

Cumprindo a primeira regra, agradezo ao blogue Los relatos de Patri que me tivera na súa mente e corazón no momento de pensar nos 11 escollidos (aínda que a Patri teño que agradecerlle moito máis ca iso). Escuso dicir que xa teño feito o segundo punto.

Paso a responder, da mellor maneira posible, as 11 preguntas que Patri artellou para os seus nomeados:

1. Cres que os blogues irán formando, cada vez máis, da información especializada dos usuarios en Internet?
Si. E a resposta baséoa na miña propia experiencia diaria. Ben é certo que hai moita palla pero, se unimos os blogues ás fontes RSS, é o que teño configurado nos meus programas de noticias no móbil para darlle unha ollada rápida os meus temas de interese ao principio do día.

2. Cales son as principais responsabilidades que a xente que escribimos nun blogue temos cos nosos lectores?
Eu aquí matizaría segundo o contido do blogue en cuestión. Nos blogues de índole persoal, coma o meu, só espero sinceridade e honestidade; nos blogues de información (da temática que sexa) agardas respecto e profesionalidade (aínda que sempre é un bo reclamo aqueles blogues que dan algo de caña, pero con gracia e bo gusto…)

3. Que te impulsou a crear este blogue e por que escollestes a temática ao que o adicas?
Esta resposta, no meu caso, é ben doada. Fala de min, das miñas cousas, das miñas paranoias, histerias, soños e ilusións. Non había moito máis onde escoller…

4. Escribir no teu blogue é unha dedicación temporal ou é un proxecto a longo prazo?
É unha terapia e unha válvula de escape. Escribo nel cando non teño nada interesante que escribir no blogue da novela ou cando quero facelo sen ‘decepcionar’ á xente que se achega a ler algo no outro e quero ter ‘manga ancha’. Digamos que é unha especie de diario de adolescente.

5. De qué temática son os blogues que adoitas a seguir?
Fantasía, cómics, literatura e tecnoloxía.

6. Cando buscas información para algún post cres que é fiable a información encontrada noutros blogues?
Non, nunca. De feito, se quero facer uso de esa información tento contrastala en moitas fontes diferentes. Non me esquezo de que é un lugar particular e que o propio autor pode estar influenciado, trabucado ou ter unha visión moi persoal e subxectiva. Aínda que iso é xusto o que me atrae dos blogues…

7. Hai algún blogue que te servira de inspiración para o teu? Cal ou cales son?
Afortunadamente, non. Seríamos demasiados tolos no mesmo espazo…

8. Cres que as redes sociais son un complemento fundamental para un blogue? Por que?
Non. De feito, para min, son totalmente opostas. As redes sociais chegan á xente sen esforzo, criterio nin respecto algún. Aos blogues a xente ten que ir, ten que buscalos e facer por chegar a eles. Só por esa diferencia de aceso, para min son totalmente distintos.

9. Os blogues son un bo trampolín de promoción para, por pór un exemplo, os escritores?
Depende do que escribas pero, por norma xeral, penso que non. Non creo que sexa unha boa ferramenta de promoción mais si que é un bo lugar de encontro entre o escritor e o lector. De feito, ara o meu gusto, o mellor lugar, o máis íntimo e claro, máis que as redes sociais.

10. Que opinión tés do meu blogue? Cres que debería diversificalo máis? Ou, ao contrario, especializalo máis?
Non vou responder a esta pregunta porque penso que vai en contra da natureza dun blogue. Se alguén puidese dar a súa opinión sobre un espazo tan persoal, este perdería a súa esencia. Aínda así, hei dicir que me encanta (e non é peloteo)

11. Cres que o futuro da literatura será cada vez máis dixital?
Penso que si. Os soportes evolucionan mais, por iso, os contidos non deben ser de menor calidade. Non deberiamos deixarnos confundir pola casca e perder de vista o que a enche.

Os meus 11 blogues son:

KindleGarten Pola súa mistura de amor, paixón e esforzo. E por ter feito a primeira (e marabillosa reseña d’As Crónicas de Bran 😉

José María Picón.es Por ser un escaparate das artes (de todo tipo e orixe) desde un enfoque profesional e fan á vez.

La realidad estupefaciente Porque Santiago pode facer de todo menos deixarte indiferente.

Esta no es mi libreta de francés Por facerme respirar tenrura e feminidade en cada unha das letras que escribe. É un pracer ler á Srta. Raven.

Criticalia É para min un lugar de obrigada visita diaria. Sen parecer sentir cansazo nin esgotamento, bótalle un pulso ao latexo da literatura galega e mostra, sen reparos, as luces e sombras dos textos que caen nas súas mans.

Cultura Mortis A cova do pirata, o ataúde de Drácula, unha broma pesada e, ás veces, pensamentos na soidade do Universo baixo unha chuvia eterna. O escuro mais sempre vital, Jacobo.

Never drink wine Como unha figura tan fráxil, tan delicada, pode gozar tanto amasando a podremia e o sangue entre os seus pálidos dedos? Talvez por iso, o horror que Maruxa fai asomar á pantalla do meu portátil é aínda máis horrible.

Tamizando letras Ás veces hai xente que rompe as regras do mundo, ás veces hai xente que se rebela e loita pola xustiza. Moi poucas veces atopamos xanelas polas que o xusto, o divino e o mundano asoman xuntos para ensinarse, descaradamente, a este horrible mundo no que vivimos.

Las Erinias Se hai algún blogue que destila o espírito do seu creador polos catro costados da pantalla, este é o de Sonia. Fermoso, alegre, triste… variable como o tempo, imprevisible como o vento, un bo amigo co que tomar o café da mañá.

Estou na lavadora Ou como converter a forza da xuventude nunha poderosa marusía de ideas, arte e comunicación. Encántame non saber se vou atopar un poema, un relato, unha entrevista ou un berro reivindicativo.

Mallando no Android Porque ademais da fantasía, o misterio, o terror e a miña paixón polas letras, é unha gozada atopar un blogue coma este que fala do meu benqueridiño Android en galego.

E as miñas preguntas para aqueles dos meus escollidos que queiran respondelas son:

1ª – Cal foi a primeira entrada do teu blogue?

2ª – Que era o que te motivaba cando o creastes? Lograstes o teu obxectivo?

3ª – Só publicas cousas que te gustan ou algunha vez escribistes algo que non te apetecía demasiado?

4ª – Segues algún blogue ou a túa única visita é ao teu?

5ª – Que cres que lle aportas á xente que te le?

6ª – Planeas algún cambio no seu deseño/estrutura ou estás conforme co que ten?

7ª – Preocúpate o que os teus visitantes poidan pensar ou escribes no blogue máis para ti que para eles?

8ª – Cal é a entrada á que máis cariño lle tés?

9ª – Se algún día tiveras que deixar de escribir no blogue, con que te gustaría despedirte?

10ª – Tés só o blogue que mencionamos aquí ou levas varios á vez? Por que?

11ª – Que te animou a continuar esta cadea, seleccionando os teus favoritos e contestando a estas preguntas?

Unha reflexión sobre “One lovely blog award

Os comentarios están pechados.