Visita ao Concello de Rianxo

Este sábado 27 de Xullo, aproveitando unha finde das que pasamos habitualmente en Taragoña, tivemos a sorte de achegarnos á Feira do Libro de Rianxo para unha cita moi especial. Tocaba facer de “presentador” para a nosa compañeira Vanesa Santiago que levaba o seu libro “Ninguén Lembra” á feira co fin de amosarllo aos rianxeiros.

Teño que admitir que foi unha sensación estraña, estar na miña terra, na que non me coñece ninguén (agás uns veciños e algún amigo que aínda queda dos anos mozos) e exercendo de voz introductoria para Vanesa (quen, por méritos propios, chegará a ser unha das mellores autoras na nosa lingua). Malia o estraño do asunto, non deixou de ser un gustazo sentar no salón de plenos do Concello e soltar o noso discurso (como se pode comprobar na foto…)

As presentacións que imos acometendo van a mellor. Non sei se porque, cada vez, formamos un equipo máis coordinado ou, sinxelamente, porque a xente que o conforma é estupenda e realmente gozamos cada encontro. Tamén é certo, cando menos no meu caso, que teño máis clara a mensaxe que quero transmitir aos nosos asistentes e comezas a pensar que non só tés que contar unha historia nos teus libros senón que, ademais, temos que animar á xente a achegarse aos nosos contos e que vexan a diversión e a vertixe sen control que pode ser botarse a voar nunha das nosas aventuras.

Así que quedei bastante satisfeito do meu “discurso” (no que non me pasei falando do meu compañeiro Bran) e din paso a Vanesa para que lles contara aos meus paisanos a maxia, os poderes ocultos, as aventuras e a evolución marabillosa dese grupo de nenas especiais que conforman o argumento de “Ninguén Lembra”.

Ao rematar, unha charla co alcalde (quen se confesou seguidor da fantasía épica e ao que hai que agradecer o trato e os medios que nos prestaron para a charla) que se vai facer con algúns números de Contos Estraños e As Crónicas de Bran para que formen parte da Biblioteca Municipal. Como podedes imaxinar, non hai honra maior que formar parte do fondo cultural do teu pobo (aínda que eu son de Taragoña, pertenzo ao concello de Rianxo… 😉 )