Samaín 2013


Pois xa vedes, o Xoves 31 de Outubro estarei na Biblioteca Infantil Xuvenil d’A Coruña, na rúa Durán Loriga, para participar de unha noite moi especial que a xente da biblio ten preparada. Comezarei eu, ás 21:00 horas, e tentarei de dar algo de medo lendo un par de contos meus. Logo diso levaranos á Casa Picasso e rematarán a noite gozando da peli ‘El resplandor’. Un bo plan, non si?

Follas de Outono, Letras de Inverno

Baixo ese nome organizamos un ciclo de charlas literarias que terán lugar os vindeiros meses no Café Universal d’A Coruña. Terán lugar os Martes ás 21:00 horas e servirán para que un grupo de autores, que xa colaboramos habitualmente de forma conxunta en diferentes publicacións, conten de primeira man como é o seu proceso creativo, en que pensan cando se lles ocorren esas historias de fantasía, de misterio, de terror… A idea destas reunións é que sexan interactivas, que falemos de cousas que non adoitamos a comentar nas presentacións dos libros e que, esperamos, a xente que acuda a elas nos pregunte e saque á luz todo o que se agocha entre as letras dunha publicación.

Os amigos que me acompañarán nesta ocasión son Vanesa Santiago (autora da novela de fantasía ‘Ninguén Lembra’), María Abalo (escritora que cultiva o xénero gótico e que colabora na segunda parte de Sombras no berce), David Botana (compañeiro de andaina no proxecto Contos Estraños e especialista no ‘AgroTerror’), Marisol Gándara (autora que mistura o carnal e os máis intensos sentimentos na súa poesía), Fernando Pérez Barral (escritor de fantasía épica que ten baixo a súa cama unha intensa e marabillosa saga que irá sacando aos poucos), Manuel Moledo (autor de numerosos relatos de corte futurista-steampunk) e eu mesmo (que prometo spoilear canto sexa capaz dos segredos da triloxía ‘As Crónicas de Bran’).

Como vedes, a cousa promete. Un bo catálogo de actividades ao longo de todo o Outono-Inverno con temáticas moi variadas e que pretenden achegar a literatura á rúa e ao público.