Emocións que depara o futuro próximo

Estou nun punto de inflexión que, a pesares de estar cheo de calma, non fai máis que me acelerar o pulso e crear unha atmosfera de nerviosismo e impaciencia. Coa charla na Biblioteca Infantil e Xuvenil pechamos un ciclo, un breve pero intenso ciclo. Ese serán da semana pasada foi a fin do periplo de presentacións do primeiro volume d’As Crónicas de Bran. E agora que? poderiamos pensar. Haberá máis proxectos nun futuro inminente? Pois o bo é que si e o malo é que xa están feitos (tan feitos que xa está escrita até a terceira e última parte da triloxía). Só queda agardar a que se dean as circunstancias axeitadas e saian á luz. E xusto iso é o que fai que non pasen as horas, os días, os meses…

Despois de levar o desgusto do abandono do ilustrador escollido para o segundo volume d’As Crónicas, estamos traballando a marchas forzadas para ver se, o fantástico artista que acudiu ao noso rescate, é quen de sacar o traballo gráfico adiante antes da data da súa publicación. Así que, cando menos, un pouco de emoción tensará a espera de ver a continuación da triloxía nas librarías e fará máis interesantes estes tres meses que quedan para que o producto final estea rematado. Por outra banda, xa teño escrita unha novela curta de terror e misterio que ten moitas posibilidades de entrar dentro dos plans dunha editorial para publicala, tamén, o vindeiro ano. Desta vez volvín á miña orixe, ao inquedante mundo das sombras que se arremuíñan no interior da alma humana e como o maior demo para o home é o propio home. Tamén xurdiu a posibilidade de colaborar con un proxecto benéfico, que están a levar a cabo desde un colexio de Vigo, e que ben podería contar con un pequeno relato que lles escribín. E por último, pero non menos importante e emocionante, a segunda parte do colectivo ‘Sombras no berce’ (chamado para este ano ‘Tebras na alma’) que xa comeza a recibir os primeiros textos e que agrupará a máis de unha ducia de escritores.

Supoño que esta tensión durará o xustiño para que chegue o 2014 e, sen case darme conta, comece a traballar nas presentacións e promoción do segundo volume de Bran e, quen sabe, iniciar a escrita da nova saga que teño na cabeza. A emoción debería de ser algo que puidésemos gozar mais a impaciencia é un aguillón longo e afiado…

Foto e vídeo do Samaín 2013

Aquí vai a foto e o vídeo da noite do Samaín que tiven a gran sorte de compartir coa xente que traballa na Biblioteca Infantil e Xuvenil da rúa Durán Loriga na Coruña e cos rapaces que até aló se achegaron para escoitar o que lles tiña que contar… Por fortuna, o ambiente escuro e sinistro que crearon para esa noite non deixa que se me vexa demasiado e poderedes escoitar a introdución ao primeiro dos relatos.

Taller de escritura n’A Coruña

Pois como non podemos estar quietos… desta vez contamos coa colaboración dun bo amigo que organiza no seu local un taller de iniciación á escritura. E, tolerías dos amigos, conta comigo para formar parte da parella de “mestres” no devandito taller. Polo de agora abriuse o prazo de inscripción e nun par de semanas arrancaremos este proxecto tan suxerente.

Na Passepartout Beerhouse
Paseo de Los Puentes 14, Bajo
15004 A Coruña, Spain

Correo electrónico
passepartout.beerhouse@facebook.com
passepartoutbeerhouse@gmail.com