Emocións que depara o futuro próximo

Estou nun punto de inflexión que, a pesares de estar cheo de calma, non fai máis que me acelerar o pulso e crear unha atmosfera de nerviosismo e impaciencia. Coa charla na Biblioteca Infantil e Xuvenil pechamos un ciclo, un breve pero intenso ciclo. Ese serán da semana pasada foi a fin do periplo de presentacións do primeiro volume d’As Crónicas de Bran. E agora que? poderiamos pensar. Haberá máis proxectos nun futuro inminente? Pois o bo é que si e o malo é que xa están feitos (tan feitos que xa está escrita até a terceira e última parte da triloxía). Só queda agardar a que se dean as circunstancias axeitadas e saian á luz. E xusto iso é o que fai que non pasen as horas, os días, os meses…

Despois de levar o desgusto do abandono do ilustrador escollido para o segundo volume d’As Crónicas, estamos traballando a marchas forzadas para ver se, o fantástico artista que acudiu ao noso rescate, é quen de sacar o traballo gráfico adiante antes da data da súa publicación. Así que, cando menos, un pouco de emoción tensará a espera de ver a continuación da triloxía nas librarías e fará máis interesantes estes tres meses que quedan para que o producto final estea rematado. Por outra banda, xa teño escrita unha novela curta de terror e misterio que ten moitas posibilidades de entrar dentro dos plans dunha editorial para publicala, tamén, o vindeiro ano. Desta vez volvín á miña orixe, ao inquedante mundo das sombras que se arremuíñan no interior da alma humana e como o maior demo para o home é o propio home. Tamén xurdiu a posibilidade de colaborar con un proxecto benéfico, que están a levar a cabo desde un colexio de Vigo, e que ben podería contar con un pequeno relato que lles escribín. E por último, pero non menos importante e emocionante, a segunda parte do colectivo ‘Sombras no berce’ (chamado para este ano ‘Tebras na alma’) que xa comeza a recibir os primeiros textos e que agrupará a máis de unha ducia de escritores.

Supoño que esta tensión durará o xustiño para que chegue o 2014 e, sen case darme conta, comece a traballar nas presentacións e promoción do segundo volume de Bran e, quen sabe, iniciar a escrita da nova saga que teño na cabeza. A emoción debería de ser algo que puidésemos gozar mais a impaciencia é un aguillón longo e afiado…