Novo proxecto para o 2014

Aproveitando estas datas do Nadal, que tan pouco me gustan, comezo a debuxar as liñas xerais do primeiro volume do que será a miña nova saga. Desta vez, bebendo do pegañento espírito do ben absoluto no que nos mergullan cada fin de ano, a miña cabeza bule coa tormentosa existencia de Duncan. Aparecen no meu maxín as imaxes de un home que se verá obrigado a se converter nunha peza clave da loita polo poder das almas, de ese ben tan codizado que os humanos posúen de xeito accidental.

Nas páxinas de estes contos asomarán seres perdidos, condenados por poder navegar entre as dúas augas do Ben e do Mal e que gardan no seu interior algo que pode facer que a balanza se decante para un lado ou para outro. Será da procura de esas estrelas sen luz da que se encargará o noso protagonista, cavando un profundo foxo no que soterrará a súa propia alma, atopándose de fronte co que nunca debería ser desvelado.

Queda moito choio por diante pero, de entrada, semella que a tarefa de escribir vai ser ben divertida para o vindeiro ano…

Culturgal 2013


Este ano foi a segunda aproximación que fixen ao Culturgal. E, o certo, é que foi bastante máis divertida que a anterior. Ademais de contar con máis rodaxe nestas lides, era a primeira vez que ía da man d’As Crónicas de Bran e acompañaba ao proxecto de Maruxa que deu a luz o libro colectivo ‘Contos no nicho’.

Cheguei á hora que tiña prevista, a redor das doce e media do Sábado, e non tardei demasiado en identificar o enorme e fantástico stand que despregaron Urco Editora e Contos Estraños (como para non velo…). Tras deixar a bo recaudo a chaqueta e a mochila procedimos á apertura dunhas ‘Estrellas’ dun xeito artesanal, primeiro coas mans e posteriormente, á vista de que as chapas mordían con forza, botando man dalgún trebello metálico empregado na montaxe do stand. Coas nosas birras xa abertas, charlamos un rato mentres agardabamos pola chegada do resto do equipo de ‘Contos no nicho’ e fun saudar aos amigos de Cartabón/Redelibros que non estaban moi lonxe de onde nos atopabamos. O tempo pasou moi rápido e deron a unha e media antes de que nos decatásemos. Así que, tomando o novo libro como arma, subimos ao palco e acomodámonos nos brancos e impecables sofás.

David Cortizo foi o primeiro en disparar e ilustrounos sobre o motivo da reunión e como se deben roubar flores nun cemiterio. Tras a clase práctica, pasou a palabra a Maruxa que contou o porqué e a temática do traballo colectivo co que pretendía rendir homenaxe ás vellas historias de Tales from the Crypt. O libro ten unha estética impresionante, lograda grazas ao sentido artístico de José María Picón e as incríbles ilustracións da “enterradora” feitas por Segismundo Rey. Se a todo isto sumamos o tremendo grupo de ilustradores que traballaron para acompañar os nosos relatos, non é un volume que deixe indiferente.

Despois das palabras de Maruxa e Picón tocoume falar un ratiño a min no que, para variar, fixen apoloxía do traballo que, na sombra e a escuras, imos facendo os autores que formamos este grupo tan peculiar e que non sería posible sen o apoio incondicional das dúas editoras coas que temos a sorte de traballar. Foi un “speech” bastante poético e algo mordaz que espero poder rescatar do streaming que Redelibros fixo, un ano máis, dos eventos do Culturgal.

Unha vez rematado o traballo matinal, retirámonos ao noso entorno natural (as tascas) e comemos (e bebemos) como reis na de Fidel. Un pouco de calamares, algo de polbo á feira, moito de tortilla e un chisco de zorza. Todo regado con birras, viño tinto e dixerido con café de pota e licor café.

Rematamos case ás cinco do serán e saímos a toda présa para o Culturgal porque aínda quedaba traballo por facer. Até as nove da noite estiven no stand, promocionando ‘As Crónicas de Bran’ e falando coa xente que se achegou. Non foi unha mala xornada e vendín a metade dos exemplares que se levaron á feira. Sorprendente que algunhas das persoas que se paraban non coñecían a labor de Urco e Contos (ou non debería sorprender dados os medios de comunicación cultural que padecemos hoxe en día) e foi realmente gratificamente poder dar a coñecer a casa onde aloxamos os nosos soños febrís e fantásticos.

Pois aínda deu de si a historia. Espero repetir o vindeiro ano e levar debaixo do brazo o segundo volume das Crónicas que, todo hai que dicilo, co traballo gráfico que estamos a preparar vai ser un libro realmente fermoso.