Segunda publicación para este ano

Sylvan-motel

A semana pasada acabo de asinar o contrato de edición do que será a miña segunda publicación de este ano despois do segundo volume d’As Crónicas de Bran. Nesta ocasión trátase dunha novela curta de terror que mistura capítulos oníricos coa desacougante realidade que vive o protagonista da historia. Non podo negar a influencia, unha máis vez, do mestre Poe neste conto que ten lugar nun vello hostal mais, se houbo algo que determinou o ambiente psicodélico do texto foi a novela “Entre los muertos” do escritor estadounidense Edward Bryant que tiven a sorte de atopar, nunha libraría da miña aldea, un verán de hai xa trinta anos. Non é un libro longo (como puido ser a triloxía de Bran que se achega ás 1000 páxinas nos seus tres volumes) pero penso que a trama non o precisa xa que, capítulo a capítulo, a novela vai deixando pistas e imaxes ao lector que o conducen ata o desenlace final e que, xusto esa pingueira de claves agochadas, requiren un espazo curto e concreto para non perder ningunha delas de vista. Un mozo que escapa da súa casa, un amigo que o axuda e que non aparece, un hostal no que se refuxia e onde coñecerá aos habitantes das outras cinco habitacións. Cada un dos residentes do hostal é un microuniverso, unha entidade autónoma e illada do resto que ten moito que ver coa memoria, fragmentada e esquecida, do protagonista. Unha fuxida que non é máis que un enclaustramento para non enfrontarse á realidade. Nun par de meses sairá á luz da man de Urco e xa temos reservada unha data para presentala n’A Coruña na Libraría Suévia e, a primeiros de Decembro, iremos ata o Culturgal para promocionala. Por suposto, tan pronto estea en formato ‘físico’, subirei máis información sobre ela. Espero que guste aos que lle dean unha oportunidade e que a estancia neste escuro hostal logre acelerar o seu pulso e deterlles a respiración.