Nos manuscritos de ‘Caderno da Crítica’

Hoxe é un día moi especial. Despois de case dous anos de traballo neste mundo da escrita, teño o pracer de aparecer nun dos mellores blogues de crítica literaria. Ben é certo que xa me adicaran un espazo en ‘Kindlegarten’ e en ‘Los relatos de Patri’ onde contei cunhas fantásticas reseñas dos dous primeiros volumes d’As Crónicas e até tiven unha completa entrevista elaborada por Patricia Mariño e algúns reporteiros “espontáneos” que me formularon as máis variadas, interesantes e simpáticas preguntas mais, debo recoñecer, aparecer nun dos blogues que repasa a actualidade diaria da literatura galega actual é algo polo que devecía desde hai tempo. No 2013 xa fixera unha pequena e esporádica aparición na sección que Ramón Nicolás elabora, xunto con un grupo de librarías, para informar dos libros máis vendidos e aí upárase ‘A revolta dos mestres’ desde o quinto posta até acadar a primeira posición. Desta volta, Ramón deume a oportunidade de amosar as anotacións e esquemas que vou escribindo no meu pequeno bloc e que me axudan a preparar o traballo previo á escrita. Neste artigo poderedes atopar pequenos resumes, debuxos e diagramas de fluxo que definen a liña argumental dos capítulos que, posteriormente, transcribo no portátil.

Ligazón a ‘Caderno da Crítica’:
Manuscritos: Xosé Duncan