Comezamos a soñar de novo…

dreaming

Despois desta morna (e bastante pasada por auga) pausa do mes de Agosto, achégase o intre de volver a escribir. Retomarei o meu proxecto de ‘Negruña’ dando un gran paso atrás e comezarei a ler o texto que levo escrito desde a páxina 1. O punto onde deixei a trama préstase moito a facer este ‘flashback’ xa que, tralas 70.000 palabras que van ata o de agora, tódolos personaxes están posicionados nos seus respectivos lugares para afrontaren os capítulos finais sen necesidade de maior complexidade argumental. Ademais, aínda que a historia se comportou de xeito moi coherente desde o seu inicio, aproveitarei para facer algúns cambios en comportamentos e motivacións que se foron enriquecendo co devir da novela. Iso si, teño un desafío persoal por diante. Os últimos capítulos (agás un) estarán ambientados nese futuro próximo desa cidade escura e perversa que é Negruña. Polo de agora, os meus ‘test-readers’ están máis a favor dos capítulos que acontecen no pasado histórico-fantástico (a Rusia dos anos vinte, A Coruña no século 18, a Segunda Guerra Mundial…) que os que transcorren na noxenta sociedade ‘negruñesa’. Así que teño que subir o listón e preparar un final espectacular. Volvemos a escribir, volvemos a soñar…

Novo proxecto para o 2014

Aproveitando estas datas do Nadal, que tan pouco me gustan, comezo a debuxar as liñas xerais do primeiro volume do que será a miña nova saga. Desta vez, bebendo do pegañento espírito do ben absoluto no que nos mergullan cada fin de ano, a miña cabeza bule coa tormentosa existencia de Duncan. Aparecen no meu maxín as imaxes de un home que se verá obrigado a se converter nunha peza clave da loita polo poder das almas, de ese ben tan codizado que os humanos posúen de xeito accidental.

Nas páxinas de estes contos asomarán seres perdidos, condenados por poder navegar entre as dúas augas do Ben e do Mal e que gardan no seu interior algo que pode facer que a balanza se decante para un lado ou para outro. Será da procura de esas estrelas sen luz da que se encargará o noso protagonista, cavando un profundo foxo no que soterrará a súa propia alma, atopándose de fronte co que nunca debería ser desvelado.

Queda moito choio por diante pero, de entrada, semella que a tarefa de escribir vai ser ben divertida para o vindeiro ano…

Samaín 2013


Pois xa vedes, o Xoves 31 de Outubro estarei na Biblioteca Infantil Xuvenil d’A Coruña, na rúa Durán Loriga, para participar de unha noite moi especial que a xente da biblio ten preparada. Comezarei eu, ás 21:00 horas, e tentarei de dar algo de medo lendo un par de contos meus. Logo diso levaranos á Casa Picasso e rematarán a noite gozando da peli ‘El resplandor’. Un bo plan, non si?