Mudei de blogue

Pois si. Desde hai un par de semanas xa non escribo máis por estes lares. O certo é que, desde o último cambio/actualización nos blogues de Blogaliza, as opcións de deseño e interactuación disminuiron moito e, malia as case inexistentes visitas que teño, decidín mudarme á plataforma do Blogger. Así que xa sabedes, se algún/algunha se deixaba caer por aquí de cando en vez, poderedes atoparme en:

Ligazón ao novo ‘Ollo do corvo’

Nos manuscritos de ‘Caderno da Crítica’

Hoxe é un día moi especial. Despois de case dous anos de traballo neste mundo da escrita, teño o pracer de aparecer nun dos mellores blogues de crítica literaria. Ben é certo que xa me adicaran un espazo en ‘Kindlegarten’ e en ‘Los relatos de Patri’ onde contei cunhas fantásticas reseñas dos dous primeiros volumes d’As Crónicas e até tiven unha completa entrevista elaborada por Patricia Mariño e algúns reporteiros “espontáneos” que me formularon as máis variadas, interesantes e simpáticas preguntas mais, debo recoñecer, aparecer nun dos blogues que repasa a actualidade diaria da literatura galega actual é algo polo que devecía desde hai tempo. No 2013 xa fixera unha pequena e esporádica aparición na sección que Ramón Nicolás elabora, xunto con un grupo de librarías, para informar dos libros máis vendidos e aí upárase ‘A revolta dos mestres’ desde o quinto posta até acadar a primeira posición. Desta volta, Ramón deume a oportunidade de amosar as anotacións e esquemas que vou escribindo no meu pequeno bloc e que me axudan a preparar o traballo previo á escrita. Neste artigo poderedes atopar pequenos resumes, debuxos e diagramas de fluxo que definen a liña argumental dos capítulos que, posteriormente, transcribo no portátil.

Ligazón a ‘Caderno da Crítica’:
Manuscritos: Xosé Duncan

Feira do Libro de Rianxo

Mañá, Sábado 26, terei a honra de participar na Feira do Libro de Rianxo. Pode parecer unha parvada pero me fai sentir feliz. Se un fai balance das cousas boas que están a pasaren nestes dous anos que transcorreron desde que publiquei a primeira parte d’As Crónicas de Bran, sen lugar a dúbidas esta é unha das mellores. Non bateríamos records de vendas, non apareceríamos en ningún blogue de crítica ou recensións literarias mais, que o teu pobo natal conte contigo para presentar o teu libro, é o mellor premio. Así que, mañá, entre a charla na Casa do Concello ás 13:00 horas e participar coa Librería Aenea no seu stand para asinar algún exemplar, vai ser unha boa xornada.

Feira1

feira2

Neste ano tomamos a decisión de só ir ás librarías que nos mostraron apoio incondicional durante todo o ano pasado e nos achegar ó Brea Segade e á Biblioteca de Rianxo. Dentro desta pechada (e moito máis razoable que o ano pasado) xira, tamén temos previsto achegarnos a algunha que outra feira. Esta de Rianxo será a segunda (despois da de Compostela na que formamos parte da ‘lexión’ de Contos Estraños) e aínda nos quedan dúas citas máis. Pechar o 10 de Agosto a Feira do Libro d’A Coruña (si, estaremos nese miniespectáculo de apariencia que permite o Sr. Negreira para que as festas ‘rexionais’ teñan o seu oco na miña cidade de acollida) e, seguramente, finalizaremos o ano no Culturgal onde, se todo vai ben, presentarei a miña nova novela de terror.

Espero que nestas citas que nos quedan por diante poida ver caras non coñecidas e atopar novos lectores (que está moi ben ver ós amigos nas presentacións pero, cando ves sempre as mesmas caras, iso da que pensar…)