Tebras na alma

Este ano, do mesmo xeito que fixemos o pasado, xuntámonos un grupo de autores para ver de parir un volume colectivo. Continuando coa liña que xa marcáramos con sOmBrAs no bErcE, queriamos dar un xiro á esencia dos relatos e nos afastar daquel aire infantil que, malia que inquietante, envolvía a temática dos textos.

A premisa de Tebras na alma era a de non andarse con miramentos e escribir o máis cruel e duro que cada un fose capaz ou, cando menos, que o tema significase algo difícil de narrar para o autor polo desacougante ou crú que puidese ser. Así, despois de meses de escrita e maquetación, sae á luz internáutica este libro que pode ser descargado de balde no link de abaixo. Iso si, estades advertid@s, estes relatos son para adultos…

“Ficha do libro e ligazón de descarga”

Feira do Libro de Compostela

Este Domingo 27 de Abril formamos parte dun novo Encontro de Literatura Fantástica organizado por Contos Estraños e Urco Editora. As dúas editorias presentaron as súas novidades e demostraron que continúan a facer unha labor inmensa por dar saída a todo o que se está a escribir en Galiza nos xéneros da fantasía, o terror e a ciencia ficción. Pola nosa banda, ademais de presentar o segundo volume da triloxía, tivemos a gran sorte de coincidir con novos lectores na caseta de Editores de Compostela. Sempre é unha satisfacción estar presente no momento no que o libro pasa dos andeis ás mans da xente que, en definitiva, é onde desexamos que estea e que lles aporte un chisco de fantasía e maxia ós seus momentos de lectura.